Rutas
Este sendeiro de tipo lineal duns 6 kms de lonxitude transcorre por unha pista que mantén a súa altura pola ladeira norte dos montes Pico de Santa Bárbara, A Boibela e Penedo do Campo, todos eles a máis de 1.000 metros de altitude.
Ao pouco de comezar a ruta atopamos a man esquerda o petroglifo “Pena do Chao”, onde está tamén o miradoiro de mesmo nome, recentemente reformado. Dende este punto existen unhas fermosas vistas a diferentes lugares como o Val do Incio, Trascastro ou A Cruz do Incio. Durante o transcurso do sendeiro atópanse diferentes minas de ferro sinalizadas, entre as que destacan a Cova de Avión, a Cova da Tinta, a Cova Fonte Barrosa ou a Cova do Couso. Estes montes ocultan pequenas e numerosas explotacións mineiras de primeira metade do século XX ou anteriores.
Tamén existen outros puntos de interese durante a ruta, como son o Foxo dos Lobos de Monteagudo, ao que se pode chegar a través dunha derivación sinalizada de gran pendente, a Casa de Papel ou o miradoiro Pena de San Mamede. Os foxos eran antigas construcións cara as que se conducían estes animais salvaxes para así poder darlles caza. Estaban formados normalmente por un par de muros de altura suficiente para non ser superados polos animais e un pozo nos que finalmente eran capturados.
Por último, no punto final da ruta, chegaremos á antiga fonte do Balneario da Ferrería, no pasado concorrido e famoso manantial de augas ferroxinosas declarado de utilidade pública.
A dificultade desta ruta é baixa, e pode facerse en dúas ou tres horas a pé. Tamén é apta para bici de montaña ou cabalo, sen un sendeiro que destaca pola paisaxe de montaña e as vistas que se observan dende diferentes puntos.
Como chegar:
Para chegar ao punto de partida, dende Sarria ou Monforte de Lemos debemos tomar a estrada CG-2.2 ata o desvío dirección A Cruz do Incio (LU644 ou LU643). Unha vez tomado o desvío, a 10 kms chegamos A Cruz do Incio. Dende este punto deberemos dirixirnos á aldea de San Pedro do Incio, e unha vez nela dirixirnos a Monteagudo. A altura de Chao de Namelas, nun punto intermedio e sinalizado entre ambas aldeas, comeza a man esquerda a Ruta do Ferro (aproximadamente aos 3 km de San Pedro do Incio).
Variantes e recomendacións:
- Miradoiro “Foxo dos Lobos”: A uns dous kms máis adiante do punto de inicio da ruta, dirección Monteagudo, atopamos un desvío a man esquerda que nos leva a outro miradoiro recentemente reformado, o miradoiro “Foxo dos Lobos”. Dende el pódese observar perfectamente esta antiga construción, aportando un punto de vista totalmente diferente ao que se verá durante o transcurso da ruta, ao que chegaremos dende a súa parte inferior.
- Ruta de enlace con Trascastro e Ruta Pozo da Ola: Na metade da ruta aproximadamente, atopamos sinalizado un desvío a man esquerda que nos leva ladeira abaixo ata a estrada LU-642 nun punto intermedio entre Trascastro e A Ferrería do Incio, lugar onde comeza a Ruta do Pozo da Ola a Trascastro. É unha alternativa cómoda se queremos coñecer nesta escapada dúas paisaxes totalmente diferentes, a de montaña da Ruta do Ferro e a de frondosas e ribeira que nos atoparemos na Ruta do Pozo da Ola, a cal remata nunha pequena área recreativa a carón do río e da Fonte de Arnado, nas proximidades da declarada “Aldea Modelo” de Trascastro e dos muíños de Sancho e de Vila, que tamén poderemos visitar.
- Ferrería do Incio: Se optamos por facer a Ruta do Ferro enteira ata a fonte do balneario, sen coller o desvío intermedio a Trascastro, a un par de kms do punto final de ruta, por estrada, atoparemos o pobo da Ferrería do Incio e o antigo hotel balneario. Sen dúbida, unha aldea pintoresca con moita historia que garda os recordos dunha época pasada onde o Balneario dinamizaba o día a día da contorna.
- Comezo de ruta en Biduedo – Cova das Choias: Outra alternativa para facer o percorrido máis longo (uns 12 kms en total) sería comezar esta ruta na aldea de Biduedo (estrada LU653), con visita á Cova das Choias no concello veciño da Pobra do Brollón, posterior chegada a Saa - San Pedro do Incio e subida dirección Monteagudo ata o punto de inicio da ruta homologada, segundo aconsellan diferentes portais especializados de internet.
Outros puntos de interese nas proximidades:
En San Pedro do Incio, aldea pola que hai que pasar para chegar ao punto de inicio da ruta, atopamos a Fervenza de San Pedro e a Área Recreativa de Saa, un merendeiro a carón do río onde poder descansar e facer unha parada para comer.
Tamén nesta zona do concello se poden visitar as dúas igrexas declaradas Ben de Interese Cultural no Incio: San Pedro Fiz do Hospital e Santa Cruz do Incio.









Este sendeiro de tipo lineal duns 2 kms de lonxitude transcorre por un camiño en plena Rede Natura 2000 ZEC Río Cabe na parroquia de Trascastro, entre bosque autóctono de castiñeiros e carballos e os ríos Cabe e Antigua (afluente do Cabe).
O punto de inicio da ruta atópase a uns 5 kms da capitalidade municipal da Cruz do Incio, na estrada LU-642 que une esta localidade coa Ferrería do Incio, ao pouco de pasar os desvíos que conducen cara o pobo de Trascastro (a man esquerda) e case enfronte a un desvío que leva a San Miguel (a man dereita).
Na metade da ruta aproximadamente chegamos a un cruzamento de camiños e unha ponte, lugar onde se atopan os Muíños de Sancho (titularidade deste Concello) e de Vila (privado). Neste punto existen paneis interpretativos e unha pequena área de descanso. A ruta continúa a man dereita ata a Fonte do Arnado e un merendeiro que se atopa ao outro lado do río e ao que só se pode cruzar cando este non leva moita auga, xa que neste tramo o río Antigua presenta a peculiaridade de que cando o seu caudal diminúe, un tramo do cauce queda totalmente seco desaparecendo a auga baixo o chan calizo e rexordendo uns centos de metros máis adiante con maior forza e volume (Fonte do Arnado).
Como chegar:
Para chegar ao punto de partida, dende Sarria ou Monforte de Lemos debemos tomar a estrada CG-2.2 ata o desvío dirección A Cruz do Incio (LU644 ou LU643). Unha vez tomado o desvío, a 10 kms chegamos A Cruz do Incio. Dende este punto deberemos continuar pola estrada LU-642 dirección A Ferrería do Incio, ata atopar un desvío a man esquerda (a uns 5 kms da Cruz do Incio) sinalizado como Ruta do Pozo da Ola (enfronte ao desvío ao pobo de San Miguel).
Variantes e recomendacións:
- Aldea Modelo de Trascastro. No punto intermedio da ruta, onde se atopan os muíños de Sancho e de Vila, podemos atravesar a ponte a man esquerda e visitar o pobo de Trascastro, ao que chegaremos a pé por un camiño recentemente acondicionado.
Trascastro atópase dentro dun programa piloto da Xunta de Galicia denominado “Aldeas Modelo” no que se levaron a cabo diferentes proxectos como a posta en marcha dunha explotación en extensivo de vacas de raza autóctona cachena, recuperando terreos que estaban abandonados para a súa posta en valor como pasto, así como a rehabilitación de diferentes espazos públicos (prazas, camiños, lavadoiros, melloras na iluminación...) e a posta en marcha de diferentes establecementos turísticos como “A Niñada”, “Casa Trisquel” ou “Casa do Corral”.
- Ruta de enlace coa Ruta do Ferro: Na estrada LU-642, uns 200 metros máis adiante do punto de inicio da ruta do Pozo da Ola, atopamos un sendeiro a man dereita que nos leva á Ruta do Ferro. Aínda que esta opción se recomenda facela en sentido inverso pola elevada pendente entre ambas as rutas que se atoparía, pode ser unha posibilidade para o visitante que estea a coñecer a zona.
Outros puntos de interese nas proximidades:
No traxecto entre A Cruz do Incio e o comezo da ruta atópase, a uns 2 kms e a carón da estrada, a Igrexa de San Pedro Fiz do Hospital (BIC). Así mesmo, seguindo esta estrada LU-642 ata o seu punto final, poderase visitar o pobo de A Ferrería do Incio e a antiga Fonte do Balneario.








Trátase dunha ruta lineal que rodea o encoro de Vilasouto, dende o pobo de Eirexalba ata a igrexa de San Mamede de Vilasouto, de preto de 4 kms de lonxitude nun so sentido e de dificultade moi baixa por se cha na súa totalidade.
Caracterízase por unha ampla diversidade de atractivos de tipo paisaxístico, botánico, etnográfico e monumental, provista de varias áreas recreativas e puntos de interese. Un dos aspectos máis destacados deste itinerario son as sinais que permiten recoñecer as diferentes especies de árbores e arbustos que se ven ao longo do camiño: castiñeiros, carballos, chopos, bidueiros, freixos, cerdeiras, salgueiros, loureiros, etc. Nas diversas paraxes que atravesa a ruta, ademais, é posible practicar actividades como a pesca, a navegación sen motor, o ciclismo ou os xogos infantís.
Aínda que a ruta se pode facer en ambos os sentidos, recoméndase comezar dende Vilarreguenga, en Eirexalba. Ao pouco de comezar o traxecto, atopamos a man esquerda a Ermida de Eirexalba e o “Hotel – Restaurante Hermida Rural” que ofrece opcións de restauración, hospedaxe e actividades ao visitante, a maiores dunhas espectaculares vistas ao encoro. Seguindo o traxecto, atravesamos unha singular ponte de madeira que supera un pequeno arroio para introducirnos nunha profunda zona boscosa na que se atopa a maior concentración de árbores autóctonas da ruta. No quilómetro 1.2, á esquerda do camiño e á altura da estrada, hai un aparcadoiro para bicicletas e uns metros máis adiante, un pequena área recreativa. Uns 500 metros máis adiante, o camiño chega a unha construción de madeira situada á beira do encoro. Trátase dun miradoiro recentemente reformado onde se pode contemplar o encoro e o pobo de Vilasouto. Xa no km 2.6 da ruta, finaliza esta primeira parte de camiño e debemos atravesar a ponte da presa de Vilasouto para continuar coa ruta. Unha vez superada a presa, continúa o camiño ata adentrarnos no pobo de Vilasouto, un exemplo de aldea rural tradicional do interior de Lugo. Por último chegaremos ao campo da festa, onde se atopa a Igrexa nova de Vilasouto, xunta cunha fonte e unha ampla área recreativa. O camiño segue bordeando o encoro ó longo duns 400 metros ata chegar a unha carballeira. En fronte está a Igrexa vella de San Mamede de Vilasouto, de orixe románica, construída orixinalmente no século XII. Conserva algúns elementos románicos na súa rústica porta principal sen apenas ornamentación. Foi reconstruída en varias épocas e en xuño do ano 1936 sufriu un importante incendio. Ó seu lado atópanse as ruínas da casa rectoral. O camiño prolóngase uns cen metros máis, atravesa outra pasarela de madeira e remata á beira do encoro.
A presa de Vilasouto transformou a paisaxe tradicional da zona co fin de solucionar as necesidades de abastecemento de auga dos veciños de unha boa parte do val de Lemos. O encoro que recolle as augas do río Mao foi inaugurado en 1969 e supuxo unha importante transformación do medio natural da zona, anegando terras e vivendas. O patrimonio histórico tamén se viu afectado por esta obra, xa que na paraxe coñecida como Agro do Pepe atópanse varias rochas con petroglifos que permanecen somerxidas durante a maior parte do ano. Neste entorno é frecuente ver pescadores, sendeiristas, bañistas, e xente practicando diferentes deportes como piragüismo, kayak ou ciclismo. Anualmente, o Concello do Incio e a Federación Galega de Piragüismo organizan unha regata oficial neste encoro.Como chegar:
Dende Monforte de Lemos debemos tomar a estrada CG-2.2 ata o desvío dirección Bóveda e A Cruz do Incio (LU-643) e dende Sarria a mesma estrada ata o desvío dirección Laiosa e A Cruz do Incio (LU-644). Continuamos pola estrada LU-643 ou LU-644 dirección A Cruz do Incio uns 5 kms ata entrar no pobo de Laiosa, onde collemos a esquerda dirección “Presa de Vilasouto”. Chegados á presa xiramos a man dereita pola estrada perimetral do encoro ata chegar a Vilarreguenga – Eirexalba, punto de inicio da ruta.
Variantes e recomendacións:
- Campo da Festa de Eirexalba. Dende a Ermida de Eirexalba e o Hotel – Restaurante, podemos desprazarnos aproximadamente 500 metros dirección A Cruz do Incio por estrada ata o campo da festa de Eirexalba. Nel atoparemos un parque infantil recentemente instalado onde poderán desfrutar de xogos os/as máis cativos.
- Navegación con embarcación sen motor. Os amantes do deporte acuático e da natureza, dispoñen dun espazo perfecto para levar a cabo diferentes prácticas deportivas nun entorno autorizado pola CHMS para a navegación sen motor, así como para a desconexión e a práctica de diferentes modalidades deportivas: sendeirismo, ciclismo, piragüismo, kayak, etc.
- Eventos. No mes de Marzo o Concello do Incio organiza en Eirexalba a Feira do Cocido do Porco Celta, unha oportunidade para coñecer os produtos e a gastronomía típica da zona. Así mesmo, durante diversas épocas do ano nesta celébranse diferentes eventos como o magosto, o San Xoán, festas parroquiais ou un festival de “soundsystem”a principios de setembro, o Festival Tremeterra.
Outros puntos de interese nas proximidades:
Esta zona do concello e a máis próxima á Ribeira Sacra, polo que pode ser un punto de partida interesante para coñecer toda a Ribeira Sacra lucense. No propio Concello, tamén se atopa próximo o Pazo da Edra en Laiosa ou o Camiño dos Mourelos nesta mesma localidade e recentemente acondicionado, o cal discorre pola Rede Natura 2000 – ZEC Río Cabe, entre o límite dos Concellos do Incio e A Pobra do Brollón (Óutara).






Trátase dunha ruta lineal duns 6,5 kms de lonxitude nunha dirección e dificultade fácil que parte do camiño francés a Santiago na localidade veciña de Samos e remata no Santuario de Santo Eufrasio, no Val do Mao, ou á inversa, segundo se desexe facer.
Durante séculos, os peregrinos que se dirixían a Santiago de Compostela utilizaron diversas rutas, moitas delas non oficiais, aproveitando os antigos camiños romanos e as vías de comunicación existentes na época. Nos últimos, gañou forza a proposta de establecer unha nova ruta xacobea que atravesaría O Incio, xunto con outros concellos limítrofes, xa que este camiño era usado polos peregrinos que entraban en Galicia por Riocereixa (Pedrafita do Cebreiro), e enlazaba co comiño francés en Samos. A ruta toma o nome de San Eufrasio, patrón de Andújar (Xaén), e este itinerario tería como obxectivo conectar a cidade andaluza de Andújar con Santiago de Compostela, seguindo as posibles rutas que podería ter tomado San Eufrasio na súa peregrinaxe a Santiago. Aínda que non hai rexistro histórico sobre o por que disto, os restos do varón apostólico descansan nun sepulcro da igrexa de Santo Eufrasio, en Santa María do Mao (O Incio), de aí de por en valor este Santuario e a conexión co camiño francés en Samos que se propón nesta ruta.
A ruta ten o seu punto de inicio en Samos, nas proximidades do camiño francés a Santiago e do Mosteiro de San Xulián de Samos, a carón do río Sarria. A nivel paisaxístico, transcorre entre prados, fontes, muros de pedra tradicional e soutos de castiñeiros. Un punto de interese durante o traxecto é o Miradoiro de Penabranca, aínda no concello de Samos. É unha ruta que presenta tamén un importante interese arqueolóxico, xa que nun punto intermedio da Serra do Édramo permite facer un desvío que se atopa sinalizado para coñecer o castro de Formigueiros (Samos), a Necrópole da Serra do Édramo e a Necrópole de Santa Mariña (BIC). Tanto a totalidade da ruta como os desvíos e os vestixios indicados contan son paneis interpretativos e sinalización totalmente renovada no ano 2025. Entre o castro de Formigueiros e a Necrópole de Santa Mariña, atoparemos unha estrada principal (LU-641) que teremos que cruzar, xusto no límite entre os concellos de Samos e O Incio. A tan só 100 metros deste punto dirección O Incio, tamén poderemos visitar a figura do Mamut do Incio, a carón da estrada.
Xa no terzo final da ruta, atopamos a Área Recreativa das Fontes, un merendeiro onde facer unha parada antes de chegar ao punto final, o Santuario de Santo Eufrasio no Val do Mao.
Como chegar:
Dende Sarria debemos tomar a estrada LU-633 ata Samos. Nesta localidade, pola parte de atrás do Mosteiro de Samos, a carón do río Sarria e do camiño francés a Santiago, ten o punto de partida a ruta eufrasiana. En caso de querer iniciala en sentido inverso, na LU-633 uns 3 kms antes de chegar a Samos debemos tomar o desvío a man dereita pola estrada LU-641 dirección Val do Mao e A Cruz do Incio. Ao chegar ao pobo de Santa María do Mao, collemos a esquerda dirección Santo Eufrasio ata chegar ao campo da festa, a carón do Santuario.
Variantes e recomendacións:
- Campo da Festa de Santo Eufrasio e Palloza. Nas inmediacións do Santuario de San Eufrasio atópase o campo da festa e unha singular palloza utilizada polos veciños na celebración das festas na honra a Santa María e Santo Eufrasio, así como un pequeno local social. A un km de lonxitude por estrada, dirección A Cruz do Incio, atopase unha cantina tradicional que ofrece servizo de comidas.
- Camiño de Santiago e Mosteiro de Samos. Recoméndase a visita ao Mosteiro de Samos e establécese esta ruta como un desvío ideal para os peregrinos que estean a facer o camiño a Santiago e queiran coñecer un pouco da natureza, arquitectura e arqueoloxía do noso Concello, así como da historia do varón apostólico Santo Eufrasio.
Outros puntos de interese nas proximidades:
Nas proximidades de Santo Eufrasio, no Val do Mao, atópase tamén a Igrexa de San Salvador do Mao, nunha pequena e solitaria aldea de montaña de mesmo nome. Caracterízase este edificio relixioso pola peculiaridade de ter cinco caveiras incrustadas na parede do seu atrio e cemiterio circular arredor do templo.











Infografía 3D CONSTRUCCIÓN DUNHA MÁMOA
Estamos ante unha ruta lineal duns 14 kms ida e volta e de dificultade fácil que parte do Lugar de Lebón (Reboiro), xusto a carón da estrada LU-641 (km 5), e remata na aldea de San Miguel (Santa Cristina do Viso), ou á inversa, segundo se desexe facer.
Esta ruta xira entorno ao “Mamut do Incio”, esculturas a tamaño real dun mamut adulto e dun mamut cría que se poderán visitar no transcurso da ruta. Estas singulares representacións explican a súa existencia polo feito de que no Concello do Incio apareceron os únicos restos fósiles de mamut en Galicia, en concreto dous molares, dúas vértebras e pequenos ósos pertencentes a un mamut lanudo (Mammuthis primigenius), atopados fortuitamente por uns traballadores dunha canteira caliza de Buxán en maio de 1961. Trátase dunha especie animal que no período máis frío do pleistoceno, con xeadas presentes nos pastos do norte e centro de Europa, levou a estes mamíferos a unha migración obrigada aos vales de Lemos e de Sarria, ata que unha greta na superficie calcaria puido acabar coa súa vida. Hoxe endía os restos atopados están no Museo de Historia Natural de Luis Iglesias da Universidade de Santiago, onde se poden visitar.
Ademais de poder visitar as réplicas de mamut, durante o transcurso desta ruta homologada pasaremos por Buxán e polas proximidades da canteira onde se acharon os restos, e gozaremos dunha paisaxe que combina pastos e gandería con terreos forestais, atravesando camiños entre muros, prados e regatos. Por outra banda, nas proximidades atópanse elementos de interese como poden ser o Castro de Lebón, o Castro de Bermún, o Castro de Goó ou a Cova de Bermún, destacando nas inmediacións da escultura do Mamut, fóra de ruta pero a escasos metros, o Castro de Formigueiros (Concello de Samos) e a Necrópoles Serra do Édramo; tamén as Mámoas de Santa Mariña (BIC), no traveso da Serra de Santa Mariña, punto máis elevado da ruta. Na descrición da “Ruta do Camiño Eufrasiano” e na “Guía do patrimonio arqueolóxico” contidas nesta páxina web poderase atopar máis información destes e doutros elementos de interese.
Como chegar:
Dende Sarria debemos tomar a estrada LU-633 dirección Samos. Antes de chegar a Samos debemos tomar o desvío a man dereita sinalizado, pola estrada LU-641, dirección Castroncán, Val do Mao e A Cruz do Incio. Pasaremos o pobo de Santa María do Mao e ou pouco chegamos a Lebón, punto de inicio da ruta.
Dende Monforte de Lemos deberemos tomar a vía rápida CG2.2 ata o desvío de Bóveda e O Incio (LU-643) ata chegar por esta estrada, e posteriormente pola LU-644 á Cruz do Incio. Na capitalidade municipal tomaremos a LU-642 dirección Val do Mao e Samos, para posteriormente en Godral seguir recto pola LU-641 ata Lebón (km 5 aproximadamente), punto de inicio da ruta.
Outros puntos de interese nas proximidades:
Ademais dos xa comentado Castro de Formigueiros e Necrópoles Serra do Édramo e de Santa Mariña, nas proximidades atópase o Santuario de Santo Eufrasio. Tamén na aldea de Buxán por onde transcorre a ruta, atopamos o Museo da Pedra.
Esta ruta lineal, de aproximadamente 5 kms. nun sentido e sen as variantes que se van a propoñer, discorre entre os lugares de A Ferrería do Incio, pertencente a parroquia de Trascastro, e a aldea de A Moura, na denominada “Aldea Modelo de Trascastro”. A maior parte da ruta discorre por sendeiros xa descritos en outras rutas (“Ruta do Ferro e Ruta do Pozo da Ola”), aínda que no caso da “Ruta do Ferro” faríamos soamente un pequeno tramo e en sentido inverso.
Durante o percorrido desfrutaremos dunhas paisaxes incribles, apreciando o contraste entre as zonas máis baixas e algunhas altitudes importantes, como os 820 metros que acada a “Pena de San Mamede”. Saímos da Ferrería do Incio, núcleo rural catalogado como de interese etnográfico e arquitectónico que destaca por ser unha aldea pintoresca ao carón do río Antigua, que ten un paseo que o bordea. Destacou pola importancia do seu balneario en tempos pasados, do que aínda se conserva en pé o antigo Hotel-Balneario na propia aldea, casas señoriais como a “Casa Pazo da Ferrería” e os seus escudos, vivendas construídas sobre rochas semellando un pobo colgante cunha estrutura que vén definida polo paso do río no medio da aldea. A 1,5 kms do comezo da ruta, por estrada neste primeiro tramo, chegaremos á Fonte do Balneario, de augas ferruxinosas.
Seguimos camiñando, xa por sendeiro de terra, atravesando o “Regato de Augas Rubias”. Cara o km. 3,3, unha pista de terra permítenos desviarnos á “Mesa dos Catro Cabaleiros”, variante opcional que se describe máis adiante. Seguimos a ruta pola Pena de San Mamede (820 metros), emblemático lugar onde atopamos un petróglifo no que, segundo di a lenda, están gravadas as pegadas do asno de San Mamede. Alí temos un miradoiro dende o que contemplar as fermosas vistas, con fragas de especies autóctonas. Colleremos un desvío sinalizado a man dereita que nos dirixe a “Aldea Modelo de Trascastro” e “Ruta do Pozo da Ola”. Trátase dun desvío ou variante xa explicado na “Ruta do Ferro” e que nos leva ata a estrada LU-642 nun punto intermedio entre Trascastro e A Ferrería, onde da comezo a “Ruta do Pozo da Ola” pola que chegarmos aos antigos muíños nas marxes dos ríos Cabe e Antigua, como o “Muíño de Vila” ou o de “Muíño de Sancho”. Nas súas proximidades poderemos visitar a “Fonte do Arnado”, tomando un pequeno desvío sinalizado, e un pequeno merendeiro que alí se sitúa. Dende os muíños subiremos ata adentrarnos no pobo de Trascastro e dar por rematada a ruta, no km 5,5 aproximadamente. Nesta aldea, incluída dentro do programa “Aldeas Modelo” da Xunta de Galicia, poderemos ver diferentes mostras de elementos arquitectónicos e etnográficos recuperados, así como unha explotación de raza autóctona cachena que contribúe a manter limpo o todo o perímetro do pobo. Tamén se atopan no lugar diferentes opcións de aloxamento rural onde poder pernoctar.
Como chegar:
Para chegar ao punto de partida, dende Sarria ou Monforte de Lemos debemos tomar a estrada CG-2.2 ata o desvío dirección A Cruz do Incio (LU644 ou LU643). Unha vez tomado o desvío, a 10 kms chegamos A Cruz do Incio. Dende este punto deberemos dirixirnos pola estrada LU-642 dirección A Ferrería do Incio, ata o seu punto final.
Variantes e recomendacións:
- Mesa dos catro cabaleiros: Recoméndase visitar o “Alto do Castro” e o “Miradoiro da Mesa dos Catro Cabaleiros” conxunto etnográfico moi representativo dos catro concellos que se unen neste punto (O Courel, O Incio, Samos e A Pobra do Brollón), punto dende onde se aprecian unhas espectaculares vistas. Aproximadamente no km. 3,3 da ruta atoparemos un desvío a man esquerda que nos leva a este punto. Trátase dun traxecto de elevada pendente ata chegar ao pico máis alto do Concello, antigo punto de reunión dos catro alcaldes arredor dunha mesa circular que aínda se conserva.
Se o preferimos, dada a elevada dificultade do traxecto a pé, poderemos optar por ir en vehículo todoterreo. Para iso, recomendamos ir dende A Ferrería á Casela por estrada, e neste punto límite entre os Concellos do Incio e de Samos, tomar un desvío sinalizado á man dereita que nos leva ata o “Alto do Castro o a Mesa dos Catro Cabaleiros”, seguindo as indicacións que atoparemos ao longo do traxecto, recentemente sinalizado. Tamén sería opción, dende A Casela, facer o traxecto a pé (uns 6,5 kms.).
- Ruta circular: Se preferimos converter esta ruta en circular, dende a aldea de Trascastro podemos volver á Ferrería do Incio, punto de partida, pola estrada LU-642. Un traxecto de volta, que a pesar de ser por estrada asfaltada, non presenta case tráfico nin pendentes pronunciadas (uns 7 kms. aproximadamente).
Outros puntos de interese nas proximidades:
En San Pedro do Incio, aldea pola que hai que pasar para chegar ao punto de inicio da ruta, atopamos a Fervenza de San Pedro e a Área Recreativa de Saa, un merendeiro a carón do río onde poder descansar e facer unha parada para comer.
Tamén nesta zona do concello se poden visitar as dúas igrexas declaradas Ben de Interese Cultural no Incio: San Pedro Fiz do Hospital e Santa Cruz do Incio.








A ruta ten como punto de partida e chegada Vilarreguenga - Eirexalba (circular), cubrindo unha distancia de aproximadamente 11,7 kms.. Nesta ruta desfrutaremos de distintas paisaxes, características das diferentes altitudes moderadas que se acadan no percorrido, xa que non hai que esquecer que pasaremos dos 450 metros que temos á beira do encoro, aos preto de 600 metros de altitude que alcanzaremos no Pico de Eirexalba.
Partimos de Santo Estevo de Eirexalba, ca súa igrexa parroquial do século XVIII, dirección Vilarreguenga, bordeando o Encoro de Vilasouto. Estamos nos arredores de “Pena Furada” e “Pena Grande” (km 2,9 da ruta), e todo elo poderémolo observar dende o “Miradoiro do Monte Eirexalba” (585 metros). Seguimos a camiñar, deixando ó noso paso e nos arredores aldeas que como Novelín, Ferradal, Pombar ou Tallos. Atopamos con posterioridade á nosa esquerda unha mostra da arte do período castrexo: a “Cova do Castro”, no lugar de As Cortellas. Seguimos ruta e no km. 5,5 atopamos As Cortellas e Covo. Descendemos agora preto de 100 metros de altitude para bordear os arredores do “Regato de Oporto”, que atravesaremos (km. 7,1) para volver a subir a medida que avancemos, ata chegar a “Monte Agudo” (kilómetro 9), cos seus 537 metros, e onde se encontra o miradoiro do mesmo nome, dende o que poderemos contemplar a beleza da paisaxe do “Encoro de Vilasouto” e os seus arredores.
Baixamos novamente ata chegar á presa do encoro, deixando á nosa esquerda a estrada que nos leva a Vilasouto, e bordeando o encoro seguiremos ruta ata chegar ó noso punto de partida, non sen antes admirar a fermosa “Capela de Ermida” (kilómetro 11,7), a carón do Hotel – Restaurante de mesmo nome.
Trátase dunha ruta que en parte transcorre pola denominada “Ruta do Encoro de Vilasouto” xa descrita anteriormente, pero que se adentra nas diferentes aldeas da parroquia de Eirexalba e pasa por diferentes puntos non tan coñecidos. Aínda que non conta con sinalización, é unha interesante opción se nos atopamos aloxados na zona e queremos coñecer un pouco máis deste territorio.
Como chegar:
Dende Monforte de Lemos debemos tomar a estrada CG-2.2 ata o desvío dirección Bóveda e A Cruz do Incio (LU-643) e dende Sarria a mesma estrada ata o desvío dirección Laiosa e A Cruz do Incio (LU-644). Continuamos pola estrada LU-643 ou LU-644 dirección A Cruz do Incio uns 5 kms ata entrar no pobo de Laiosa, onde collemos a esquerda dirección “Presa de Vilasouto”. Chegados á presa xiramos a man dereita pola estrada perimetral do encoro ata chegar a Vilarreguenga – Eirexalba, punto de inicio da ruta.
Variantes e recomendacións:
- Campo da Festa de Eirexalba. Dende a Ermida de Eirexalba e o Hotel – Restaurante, podemos desprazarnos aproximadamente 500 metros dirección A Cruz do Incio por estrada ata o campo da festa de Eirexalba. Nel atoparemos un parque infantil recentemente instalado onde poderán desfrutar de xogos os/as máis cativos.
- Navegación con embarcación sen motor. Os amantes do deporte acuático e da natureza, dispoñen dun espazo perfecto para levar a cabo diferentes prácticas deportivas nun entorno autorizado pola CHMS para a navegación sen motor, así como para a desconexión e a práctica de diferentes modalidades deportivas: sendeirismo, ciclismo, piragüismo, kayak, etc.
- Eventos. No mes de Marzo o Concello do Incio organiza en Eirexalba a Feira do Cocido do Porco Celta, unha oportunidade para coñecer os produtos e a gastronomía típica da zona. Así mesmo, durante diversas épocas do ano nesta celébranse diferentes eventos como o magosto, o San Xoán, festas parroquiais ou un festival de “soundsystem”a principios de setembro, o Festival Tremeterra.
Outros puntos de interese nas proximidades:
Esta zona do concello e a máis próxima á Ribeira Sacra, polo que pode ser un punto de partida interesante para coñecer toda a Ribeira Sacra lucense. No propio Concello, tamén se atopa próximo o Pazo da Edra en Laiosa ou o Camiño dos Mourelos nesta mesma localidade e recentemente acondicionado, o cal discorre pola Rede Natura 2000 – ZEC Río Cabe, entre o límite dos Concellos do Incio e A Pobra do Brollón (Óutara).








