Patrimonio arqueolóxico – natural

O Concello do Incio presenta un importante atractivo dende o punto de vista natural e da presenza de diversos restos arqueolóxicos ao longo de todo o seu territorio.

O patrimonio arqueolóxico que se pode atopar neste Concello vai dende os castros, con máis de 20 asentamentos identificados e localizados, aos petróglifos, gravados en pedra pertencentes as idades de ferro e de bronce que dan mostra de que estas terras se atopan poboadas dende aproximadamente 10.000 anos antes de Cristo. Tamén hai presenza de necrópoles, monumentos funerarios da cultura megalítica entre as que destacan a “Necrópole de Santa Mariña” (declarada BIC no 2006). Todo o patrimonio arqueolóxico do Concello pode consultarse na Guía do Patrimonio que se facilita ao final deste texto.

En canto ao patrimonio natural, o Concello do Incio presenta unha interesante variedade de recursos e paisaxes para poder contemplar. Podemos atopar covas e tamén antigas minas, como as que se poden ver ao longo da “Ruta do Ferro”, entre as que destacan a “Cova de Avión”, “Mina Fonte Barrosa”, “Cova da Tinta”, “Cova do Couso” e “Mina do Bouzallo de San Miguel”. A presenza dos ríos ao longo deste territorio tamén adquire relevancia, destacando os ríos “Cabe”, que nace no Concello, e a súa afluente “Antigua”; así como o río “Mao” que da forma ao “Encoro de Vilasouto” e todo o entorno natural que se forma ao seu arredor. No transcurso dos seus leitos podemos atopar numerosas pequenas presas, fontes e muíños, entre as que pode destacar a “Fonte do Arnado” en Trascastro ou a “Fervenza de San Pedro” no “Val do Incio”, onde tamén nas súas inmediacións se atopa a “Area recreativa de Saá”, un entorno acondicionado con merendeiros onde se pode descansar a carón do río Cabe. Tamén destaca a presenza de árbores senlleiras e sobre todo a presenza de paisaxes protexidas, por atoparse parte do territorio situado en “Rede Natura 2000 Ancares – Courel” e “Rede Natura 2000 Río Cabe”. A diversidade paisaxística do concello é ampla pola súa situación intermedia entre a depresión de Lemos e a serra do Courel, podendo atopar tanto paisaxes de cultivos e pradeiras, ata grandes soutos, fragas e bosques fluviais, pero tamén non podemos esquecernos das zonas de monte onde predominan as carqueixas, os toxos e as uces. Poden atoparse diversos puntos habilitados para contemplar as vistas, como poden ser o “Miradoiro do encoro de Vilasouto”, o “Miradoiro do petróglifo Pena do Chao” ou o “Miradoiro do Foxo dos Lobos”, pero tamén outros puntos que pola súa altitude ou situación permiten unhas vistas espectaculares, entre os que se pode destacar o “Alto do Castro e a Mesa dos Catro Cabaleiros”, punto máis alto do Concello dende onde se pode ver a Serra do Courel e onde conflúen os Concellos da Pobra do Brollón, Samos, Folgoso do Courel e O Incio, punto de reunión no pasado dos catro alcaldes arredor dunha mesa circular que aínda se conserva. Anualmente, a asociación courelá “Fonte do Milagro”, promove neste lugar cada 31 de decembro ao mediodía un encontro dos/as catro rexedores/as municipais e a celebración das badaladas e dun cambio de ano de forma anticipada ao cambio de ano oficial. Todo o patrimonio natural e o conxunto de paisaxes e vistas destacadas pódense consultar na Guía do Patrimonio ilustrada e detallada que se facilita a continuación.