Parroquias

O Concello do Incio conta cun total de 184 entidades de poboación (núcleos, barrios, diseminados…) que se agrupan en 28 parroquias distribuídas ao longo dos seus máis de 146 km². A nivel xeográfico poden establecerse dúas zonas claramente diferenciadas en canto as características da súa paisaxe e orografía, unha occidental máis chá e suave e outra oriental máis escarpada e montañosa. A continuación, ofrécese unha información básica de cada unha das 28 parroquias con datos de poboación e de nomenclátor actualizados a 2026, facendo referencia a algún apunte histórico de interese relacionado polo historiador Luis López Pombo en diferentes publicacións.

A parroquia de San Xoán de Bardaos, de apenas 2 km² de extensión, limita ao norte co Concello de Sarria. Conta na actualidade cun total de 33 veciños/as que se reparten nos barrios de A Eirexe, A Aldea, A Casanova, A Fonte e As Casas de Abaixo. Caracterízase, ao igual que as parroquias lindeiras desta zona do Concello, por ser un territorio chan sen apenas accidentes relevantes, onde as pradeiras e a gandería teñen unha importante presenza. Conta cunha igrexa parroquial, de nave rectangular e sinxela construción con cemiterio que a rodea.

Parroquia que linda polo seu lado oeste coa anterior, de extensión 2,5 km², e que conta cun total de 22 veciños/as que se reparten nas aldeas de Santalla, Viloira, A Pereira de Abaixo, O Porto do Medio e Riba da Fonte. Con presenza gandeira, atopamos unha mistura entre paisaxe de prados e monte. Conta cunha igrexa que foi románica e que conserva o acceso principal desta época.

Parroquia formada polas aldeas de Castelo e Veiga, conta na actualidade con 20 veciños/as nos seus 1,5 km² de extensión. No seu monte máis alto, que pouco supera os 600 metros de altitude, existiu un castro, xa que fai moitos anos houbo achados relacionados como un pequeno torques de ouro ou restos de cerámica.

A parroquia de San Cristovo da Cervela sitúase ao noroeste do Concello, lindando con Paradela, Bóveda e Sarria. Está formada polas aldeas de Abeledo, Castragude, A Cervela, Fruxil, Noilán, A Pedragosa, Penaxubeira, A Penela, A Poza, Seixas, Airexe e O Cotedo. Conta cun total de 95 veciños/as en 9 kms2, destacando pola celebración o último fin de semana de agosto da festa de Santa Lucía e as súas famosas danzas, un ritual de tradición posiblemente pagá, onde os/as danzantes visten coloridas roupas e portan arcos decorados con tiras de cores para a ocasión. Trátase dunha particular danza transmitida de xeración en xeración. Conta cunha igrexa parroquial románica e coa casa señorial de Castragude, unha das primeiras construcións señoriais levantadas no Incio, da que existen referencias documentais de finais do século XV.

Formada polas aldeas de Amedo e Vilar da Vara, presenta unha extensión duns 3 kms2 e conta con 20 veciños/as na actualidade. Sen grandes montes nin xacementos documentados, conta con igrexa parroquial de construción rectangular sinxela e atrio que a rodea.

Parroquia que conta cunha extensión de 5,6 kms2 e que está formada polas aldeas de Castro, As Cortellas, Covo, A Eirexe, A Ermida, Ferradal, Pombar, Redondo, A Serra, Os Tallos, Vila Reguenga e A Vila. Habitan esta parroquia un total de 48 veciños/as. Conta con igrexa parroquial e unha pequena ermida, situada esta última na aldea do mesmo nome. Neste punto atópase o único establecemento hoteleiro do concello, e aprécianse unhas fermosas vistas ao encoro de Vilasouto. Neste punto teñen lugar diferentes celebracións, entre as que destaca o Festival Tremeterra a carón do encoro de Vilasouto ou a Feira do Porco Celta, por atoparse neste territorio unha explotación desta especie criada en liberdade.

Parroquia de montaña formada polas aldeas de Cabude, Cubelas, Foilebar, Lama Redonda, Paredes e Valduz, conta cunha superficie de 6,2 km2 e cotas de altitude superiores a 1.000 metros en varios puntos. Habitan estas aldeas un total de 46 veciños/as na actualidade. Existen datos documentados destas terras na Alta Idade Media (Fogio Lopal se denominaban por aquel entón), lugar por onde pasaba unha primitiva vía, posiblemente de orixe romano, que pasaba polos montes de Lóuzara, cruzaba O Incio e uníase ao camiño de peregrinos a altura de O Castro, en Paradela.

Na parroquia de Goo residen un total de 51 veciños/as distribuídos nas aldeas de Goo, Lebaste, Mosteiró e A Pereira de Arriba. Atravesa esta parroquia o río Mao, que no seu límite con Vilasouto comeza a encorar auga para dar forma á presa de Vilasouto. Existen xacementos arqueolóxicos destacados, principalmente o castro de Goó, situado a case 700 metros de altitude, de forma case circula e cunha acrópole que mide 43 metros de diámetro, doble muralla e amplo foso.

A parroquia do Hospital conta coas aldeas de Carralcova, Diciona, Dontide, O Hospital, Madeiro e Outeiro. Residen 24 veciños/as nestes lugares que suman un total de 4,3 km2 de extensión. Presenta un castro de 55 metros de diámetro, elementos patrimoniais como o Pazo dos Quiroga, diferentes elementos etnográficos de interese como alvarizas ou un lavadoiro recentemente recuperado no centro da aldea do Hospital, e interese paisaxístico por ser zona de transición entre o Val de Lemos e a Serra do Courel. Pero sen dúbida, o máis destacado é a Igrexa de San Pedro Fiz do Hospital (BIC), un templo construído con mármore local considerado das mellores mostras do románico, de finais do século XII e principios do XIII, xirando a súa historia en torno a Orde relixioso – militar de San Xoán de Malta, tradicionalmente vinculada á atención a peregrinos, o que significa que polo lugar puido pasar unha ruta a Santiago que unise o camiño de inverno na Pobra do Brollón co camiño Francés en Samos.

Foto: Tarik Dajani

Estamos ante unha das parroquias máis extensas do Concello, onde nos seus case 12 km2 podemos atopar as aldeas de Barreiro, Dompiñor, Lamas, Monteagudo, Pacios, Pena, Saa, San Miguel e San Pedro. Residen un total de 51 veciños/as nun territorio con moita variedade xeográfica, onde se atopan territorios de pastos produtivos, terreos forestais, soutos e picos montañosos. Destaca o pico de Santa Bárbara, a máis de 1.000 metros de altitude, e o paso do Río Cabe polo denominado Val do Incio. Atopamos diferentes elementos etnográficos de interese como alvarizas, fontes, lavadoiros ou muíños, entre o que destaca o restaurado Muíño das Cortiñas, entre Saa e San Pedro. Así mesmo, os recursos paisaxísticos son abundantes nesta zona do concello, destacando a Fervenza de San Pedro, a Área Recreativa de Saa a carón do río, ou a paisaxe xa máis de montaña no tránsito cara Monteagudo, onde tamén podemos atopar outro merendeiro en Chao de Namelas, os miradoiros de Pena do Chao e do Foxo dos Lobos, e o comezo da Ruta do Ferro. Por último, tamén hai presenza de construcións de interese patrimonial como o Pazo de Dompiñor.

A capitalidade municipal acolle a 245 veciños/as no seu único núcleo de poboación, A Cruz do Incio, en 1,9 km2 de extensión e a 740 metros de altitude. De aspecto máis urbano, é a entidade de poboación que acumula a maior parte de servizos, tanto de tipo administrativo (Casa do Concello, Rexistro Civil, Correos, Garda Civil...), como sanitarios - asistenciais (Centro de Saúde, Farmacia, Residencia, Casa do Maior...), educativos (Casa Niño, Colexio, Centro socio cultural...) ou comerciais (alimentación, taller, estanco, artigos ao por menor...). A nivel arquitectónico destaca a presenza da Igrexa de Santa Cruz do Incio (BIC), de construción moderna (ano 1961) segundo deseño do arquitecto Luis Fernández del Amo. Trátase dunha parroquia de relativa recente creación respecto das demais, pois foi froito da reforma diocesana do ano 1890, pertencendo anteriormente o territorio que ocupa á ferigresía de San Xoán de Sirgueiros. Nese anos, foi tamén trasladado aquí o Concello, Xulgado e Cuartel, así como cambiada a denominación, deixando de denominarse Concello de Rendar. En recente recuperación, atópase no centro do pobo o espazo denominado “A Casona do Incio”, un entorno que acollía unha construción con interese etnográfico e que se pon en valor para o seu uso e desfrute público.

Parroquia de considerable tamaño (case 7 kms2 de extensión) que acolle os lugares de O Escairo, Fontes, A Lama, O Lugar de Abaixo, Martín, Montemeán, O Pereiro, Río e Santa Mariña, varios deles deshabitados. Na actualidade conta no seu conxunto cun total de 22 habitantes. Atópase na parte máis occidental do Concello e conta polo tanto cun terro bastante accidentado, con picos de altura que superan en varios casos os 1.000 metros. A pesar da altitude, presenta en determinadas zonas abundantes pasteiras, ademais de terreos forestais e monte raso.

Son un total de 95 veciños/as os que habitan esta parroquia de 9,3 kms2, que segundo o nomenclátor de Galicia está formada polos lugares de A Brea, O Cabanón, Codesido, A Gandarela, A Picota, O Polvoreiro, San Marcos, O Sío, O Val e A Vila. Presenta unha orografía principalmente chá, con formacións arcillosas, e sitúase a medio camiño entre a capitalidade municipal da Cruz do Incio e as localidades de Rubián e Bóveda. Presenta igrexa parroquial, como a totalidade de parroquias do municipio, e destaca como edificio señorial de relevancia o “Pazo da Edra”. Das súas proximidades parte o “Camiño dos Mourelos”, un sendeiro recentemente recuperado que atravesa terreos en Rede Natura ata o veciño Concello da Pobra do Brollón.

A parroquia de San Román do Mao está formada por A Casanova, Goimil, Pacios, Rousende, Teixiz e Vilaverde. Habitan os seus 1,5 kms2 un total de 32 veciños/as. Primeira das parroquias do coñecido como “Val do Mao”, que combina terreos fértiles con montes medios, que apenas superan os 800 metros de altitude. Dende a súa igrexa parroquial, que se atopa separada dos núcleos de poboación, existe unha interesante vista a todo o val.

Son 61 veciños/as os que habitan nas aldeas de Arruxo, A Castiñeira, Cereixido, As Cortiñas, Os Currais, Pacios, Pedrouzos, Piornedo, Queixade, San Salvador, Teixeira, Valbón, As Veigas e Vilamor. Unha parroquia de 7,5 kms2 de extensión onde os seus lugares e a súa poboación se atopan moi diseminados. O terreo é bastante accidentado, aínda que tamén existen pradeiras e terreos de cultivo, sobre todo nas aldeas máis próximas ao val. O seu pico máis alto alcanza os 1.065 metros de altitude, e nas súas aldeas máis próximas á Serra do Oribio, Lóuzara e o Courel obsérvanse vivendas con grandes corredores e anchas paredes de pedra, características destas zonas de montaña. A igrexa de San Salvador é románica, e destaca por ter cemiterio pechado con atrio que a rodea, onde se poden observar cinco caveiras incrustadas.

Esta parroquia situada no corazón do “Val do Mao” está formada polas aldeas de O Barrio Novo, Castro de Arriba, Saa, Santo Eufrasio, O Souto, Teimoi, Veiga de Abaixo, Veiga de Arriba, A Vila e Vilameá. Habitan este territorio 108 habitantes en 7 kms2. Presenta terreos produtivos bastante chás a carón do río Mao, pero tamén monte e soutos de castiñeiros. Destaca a presenza da Igrexa de Santo Eufrasio, onde a tradición e diferentes estudos indican que está enterrado Santo Eufrasio, varón apostólico e primeiro bispo de Andújar, cuxos restos puideron ser traídos dirección Santiago de Compostela escapando da invasión musulmá.

Un total de 71 veciños/as residen en Aldea de Abaixo, Barbaín, A Eirexe, A Ferrería, O Mesón, O Outeiro e A Quintá, en 5 kms2. Sitúase na parte occidental do concello, sendo atravesada por vías de comunicación principais como a CG2.2 ou a LU-546 (Lugo-Monforte de Lemos) que vertebran o resto do Concello. Presenta igrexa parroquial situada a relativa altura, dende onde se aprecian interesantes vistas ao resto do municipio. Tamén unha pequena capela nunha carballeira no lugar de Barbaín, a carón do local social.

Esta pequena parroquia de 2,5 km2 está formada polas aldeas de Pacios, Queixomarío e Viteses, lugares onde residen un total de 22 veciños/as. Nas proximidades atópase o monte de Santa Icía, a 807 metros de altitude e onde consta documentado un castro. Ata a desamortización e a creación dos municipios, esta parroquia dependía da xurisdición de Samos, concello co que limita ao igual que co de Sarria. O terreo é na súa maioría pouco accidentado e formado por pastos, abundando a gandería de vacún.

Parroquia formada polas aldeas de Castillón, Castro de Abaixo, Cizán, Lebón, O Porto, Reboiro e Vilar, na que residen un total de 44 veciños/as. Cunha extensión de 5,6 kms2. Os propios nomes de Castro de Abaixo ou Castillón indican a presenza de xacementos arqueolóxicos nesta zona, que se atopa próxima ao Val do Mao.

Parroquia que en tempos pasados deu nome ao municipio e que conta coas aldeas de A Aira, A Eirexe, Novelín, Paredes e Romariz. Residen un total de 48 veciños/as neste territorio. Ademais de igrexa parroquial, presenta edificación de interese arquitectónico como o Pazo de Romariz e xacementos arqueolóxicos como a Pena Escrita ou o Castro de Rendar.

Outra das parroquias que atopamos na parte occidental do concello é Rubián de Cima, a medio camiño entre os concellos de Bóveda e Sarria. Está formada segundo o nomenclátor de Galicia polos lugares de Augalevada, O Campo da Bóla, A Eirexe, O Lugar, As Pedreiras, Pousada, Quintela, Sanxumil e A Torre. Residen un total de 45 veciños/as.

Esta parroquia duns 5 kms2 de extensión está formada polas aldeas de A Campa, Os Currais, Godral O Igrexario, Mourelle, O Outeiro, Treimonte e O Vigo. Residen un total de 24 veciños/as nestes lugares. Situada no que se podería denominar “O Incio medio” por ser unha zona de transición, atópase lindeira a capitalidade municipal da Cruz do Incio. A altitude media ronda os 700 metros e podemos atopar igrexa parroquial no lugar de O Igrexario. Constan documentados restos arqueolóxicos dun castro a uns 500 metros deste templo relixioso.

Parroquia formada polas aldeas de O Barrio, Outeiro, O Pacio, Pedrouzos, Reboredo, Toldaos e Vila de Cais, na que residen un total de 37 veciños/as. Dunha extensión de 5 kms2, presenta na súa maioría un terreo irregular que combina pastos con plantacións forestais. Aínda que a súa altitude media está en torno aos 700 metros, alcanza no seu punto máis alto os 1000 metros.

A parroquia de Trascastro, de gran extensión (20 kms2), conta coas aldeas de A Airela, A Ferrería, A Moura, A Raxóa e Trascastro. Residen un total de 62 veciños/as nestas localidades. Atopámonos na parte oriental do Concello, zona principalmente montañosa e accidentada pero na que podemos atopar entre medias algún val como é o caso da Ferrería. Atopamos unha combinación de vexetación moi diversa, dende escasa vexetación arbórea nas zonas máis altas e escarpadas, zonas con plantacións de piñeiros e outras poboadas de árbores autóctonas como castiñeiros, carballos ou bidueiros. Tamén existen zonas de pasto, onde podemos destacar a recuperación de terras abandonadas na aldea de Trascastro dentro do programa “Aldeas Modelo” da Xunta de Galicia, e a posta en funcionamento dunha explotación de vacas cachenas. Atopámonos nunha das parroquias con máis interese paisaxístico do municipio, na que existen diferentes rutas de sendeirismo e puntos destacados de interese como a “Mesa dos Catro Cabaleiros”, pico onde conflúen os Concellos da Pobra do Brollón, Folgoso do Courel, Samos e O Incio e que ofrece unhas espectaculares vistas; elementos etnográficos recuperados ou en recuperación como o “Muíño de Sancho” e diferentes lavadoiros en Trascastro; o antigo “Hotel Balneario da Ferrería” e a súa fonte das augas, no pintoresco pobo da Ferrería, xacementos como a “Pena Escrita” ou casa señoriais como a “Casa Palacio” na Ferrería.Mesa dos Catro Cabaleiros. Foto: Carlos Rueda.

Un total de 88 veciños/as residen nesta parroquia formada polas aldeas de Airexe, O Barrio, O Lucial, Outeiro, Pacios, Santa Cruz do Oural e O Túnel. Aínda que non se atopan neste lugar xacementos de interese, o propio nome da parroquia nos leva a unha lonxana época onde estas terras estiveron dominadas polos musulmáns. Atopamos nesta parroquia a única mina activa que existe en Galicia de extracción de magnesita, que se explota dende 1965 e que se procesa na planta que Magnesitas de Rubián S.A. ten en Rubián de Cima.

A pequena parroquia de Vilarxoán, de 2,5 kms2 de extensión, está formada polas aldeas de Leizán e Vilarxoán. Con tan só 8 habitantes, sitúase en zona de alta montaña delimitada por San Salvador do Mao, San Xoán de Lóuzara (Samos) e Foilebar. Atopamos picos de altura que superan os 1100 metros, pero tamén zonas produtivas dedicadas a pasto.

A parroquia de Vilasouto está formada polos lugares de O Barreal, Belesar, Calvos, A Illeira, Outeiro e Vilasouto. Con 45 veciños/as, destaca polo seu interese paisaxístico en todo o entorno que rodea a presa de Vilasouto. Con zonas de merendeiro e unha ruta de sendeirismo perimetral ao encoro, atopamos espazos adecuados para a práctica de diferentes deportes por estar as augas da presa habilitadas para a navegación sen motor. Conta con dúas igrexas parroquiais, a antiga que foi queimada en 1936, e a moderna, construída na Illeira cando o pobo foi trasladado por mor da construción da presa e a desaparición de parte das antigas vivendas da parroquia.

Na parroquia do Viso residen un total de 42 veciños/as que se distribúen nas aldeas de Bermún, Buxán, San Miguel, Santa Cristiña e O Sobrado. Alcanza no seu punto máis alto os 775 metros no Monte de Santa Mariña, onde conflúen os Concellos de Sarria, Samos e O Incio. Consérvanse xacementos de interese como a necrópole de Santa Mariña ou a Cova de Bermún. Tamén nesta parroquia se sitúa a aparición dos únicos restos fósiles de mamut en Galicia.