Patrimonio arquitectónico

O patrimonio arquitectónico do Concello do Incio é variado ao longo de todo o territorio municipal e as mostras do mesmo poderían clasificarse en núcleos rurais, casas señoriais, escudos, parroquias e igrexas, capelas, cruceiros e arquitectura popular. Dita clasificación é a que se establece na Guía do Patrimonio que ao final deste texto se pode descargar, con imaxes e información detallada de todos os elementos recollidos ao longo do Concello.

En canto aos núcleos rurais, cabe destacar que no Concello do Incio existen moitas mostras de núcleos de poboación singulares con valor patrimonial destacado, froito das súas casas construídas en pedra con teitos de lousa, corredores de madeira, patios e escudos que algunhas presentan. Dous exemplos de núcleos singulares poden ser o de “Hospital do Incio” e o da “Ferrería do Incio”. No primeiro deles podemos atopar unha aldea catalogada como conxunto etnográfico e arquitectónico, que nos amosa un catálogo variado de elementos, dende típicas casas rurais tradicionais desta zona de Galicia, elementos etnográficos recuperados como o “Lavadoiro de Hospital”, pazos e casas señoriais como o “Pazo dos Quiroga” ou a “Casa Nobre dos Somoza”, ou a que sen dúbida é a xoia arquitectónica do Concello do Incio, a igrexa románica e a torre de “San Pedro Fiz de Hospital (BIC)”, xunto con diferentes escudos e tallas e representacións que constan na mesma. No caso da Ferrería do Incio, destaca por ser unha aldea pintoresca ao carón do río Antigua que ten un paseo que o bordea. Ao igual que a do Hospital, conta coa mesma catalogación, e destacou pola importancia do seu balneario en tempos pasados, do que aínda se conserva en pé o antigo Hotel-Balneario na propia aldea, así como a Fonte das Augas a escasa distancia. Trátase dunha aldea onde tamén hai mostra de casas señoriais, como a “Casa Pazo da Ferrería” e os seus escudos. Nas proximidades atópase outro interesante exemplo de aldea tradicional, Trascastro, en recuperación dentro do programa de “Aldeas Modelo” da Xunta de Galicia, con diferentes elementos recuperados que visitar. Xa como exemplo de núcleo rural cunha paisaxe máis de chaira, e que contrasta drasticamente cos anteriores, podemos atopar camiño do val de Lemos o núcleo de Laiosa, con diferentes mostras arquitectónicas que visitar entre as que destaca o “Pazo da Edra”.

Sen prexuízo dos núcleos destacados anteriormente e dos elementos que neles podemos atopar, ao longo de todo o territorio do Incio existen diferentes atractivos arquitectónicos que visitar e que se detallan na Guía adxunta, tanto mostras da arquitectura civil como da eclesiástica. Exemplos son o “Pazo de Dompiñor”, a “Casa Grande de Belesar”, o “Pazo de Romariz”, a “Igrexa de Sta. Cruz do Incio (BIC)”, a “Igrexa de Santa María do Mao – Sepulcro de Sto. Eufrasio”, a “Igrexa de San Salvador do Mao” ou a “Igrexa de San Cristovo da Cervela”, entre outras.

Por último destacar a presenza de capelas, como a “Capela de Teixeira” ou a “Ermida de Eirexalba”, así como de cruceiros, fornos, alpendres e cabanas repartidos por todo o municipio.