Formación e emprego

O Concello do Incio conta cun obradoiro dual de emprego compartido con Bóveda e A Pobra do Brollón, plenamente activo e que conta co financiamento da Conselleria de Emprego da Xunta de Galicia. Trátase de formación oficial regrada que combina formación teórica con práctica profesional remunerada en beneficio das tres comunidades locais, e conta con praza cada ano para 20 alumnos/as no conxunto dos tres Concellos.

Os participantes seleccionados para este programa realizan as seguintes intervencións chave, para a obtención ao final do curso dun certificado de profesionalidade:

  • Conservación ambiental: labores dedicadas integramente á mellora, mantemento e conservación ambiental das masas forestais e montes do municipio.
  • Mantemento de espazos públicos, traballos continuos de poda, roza e posta a punto de espazos exteriores e zonas verdes de uso común.
  • Tarefas forestais, plantacións, xestión de biomasa en faixas secundarias e creación ou mantemento de zonas axardinadas.

 

Así mesmo, o Concello tamén participa en outros programas de emprego como o “Galicia Suma Talento Rural Activo” da Xunta de Galicia, mediante o cal se contrata anualmente a varios peóns forestais desempregados para traballos de rozas, ou o programa de “Reforzo do Emprego” do Plan Deputación de Lugo, polo que se selecciona a diferentes perfís desempregados para tarefas ou servizos básicos de prestación obrigatoria polo Concello.