Lugares e Rutas

En torno ó encoro de Vilasouto, en O Incio, foi acondicionada recentemente unha ruta de sendeirismo que se caracteriza por unha ampla diversidade de atractivos de tipo paisaxístico, botánico, etnográfico e monumental. Unha pista sinalizada e provista de varias áreas recreativas discorre ó longo dunha grande parte do perímetro do encoro. Para facilitar o percorrido tamén se construíron pasarelas de madeira sobre as canles de varios arroios que discorren pola zona. Un dos aspectos máis destacados deste itinerario o constitúen as sinais que permiten recoñecer as diferentes especies de árbores e arbustos que se ven ó longo do camiño: castiñeiro, carballo, chopo, bidueiro, freixo, cerdeira, salgueiro, loureiro… Nas diversas paraxes que atravesa a ruta, ademais, é posible practicar actividades como o baño, a pesca, o ciclismo ou os xogos infantís.

A ruta empeza á entrada do pobo de Vilarreguenga, onde se atopa a casa de turismo rural Casa do Cabazo. Hai que saír por un camiño que parte á dereita da estrada que conduce a A Ermida e Cruz do Incio. Ós poucos metros hai que salvar o primeiro arroio por unha pasarela de madeira. Ó cabo de 600 metros, o camiño pasa a altura do hotel Hermida Rural, nunha paraxe onde existe unha pequena área de descanso con zona de baño e onde se contemplan unhas belas vistas do encoro. Uns 300 metros máis adiante hai que cruzar o arroio de O Porto por unha ponte de madeira.

Zona boscosa

A continuación, o camiño entra nunha zona de bosque na que se atopa a maior concentración de árbores autóctonas da ruta. No quilómetro 1,2, á esquerda do camiño, á altura da estrada, hai un aparcadoiro para bicicletas e uns metros máis adiante, un pequena área recreativa.

O camiño deixa atrás o bosque e sae á estrada. A partir deste punto, no quilómetro 1,7, a ruta corre paralela ó vial durante un bo tramo. Unhas varandas de madeira separan o sendeiro da vía asfaltada. Uns 500 metros máis adiante, o camiño chega a unha construcción de madeira situada á beira do encoro. Trátase dun miradoiro habilitado para observar as aves e para disfrutar con máis comodidade da paisaxe.

Visita ó pobo

No quilómetro 2,6 finaliza esta parte do camiño, á altura da ponte da presa de Vilasouto, que é preciso cruzar para continuar a ruta. Algo máis adiante está o pobo de Vilasouto, onde algunhas casas de labranza conservan a arquitectura tradicional da zona.

Despois de atravesar o pobo, o camiño pasa polo campo da festa, onde hai outra zona de baños e unha ampla área recreativa. O camiño segue bordeando o encoro ó longo duns 400 metros ata chegar a unha carballeira. En fronte está a antiga igrexa de San Mamede de Vilasouto, de orixe románica, construída orixinalmente no século XII. Conserva algúns elementos románicos na súa rústica porta principal sen a penas ornamentación. Foi reconstruída en varias épocas e en xuño do ano 1936 sufriu un importante incendio. Ó seu lado atópanse as ruínas da casa rectoral. O camiño prolóngase uns cen metros máis, atravesa outra pasarela e acaba á beira do encoro.

Unha obra que transformou a paisaxe tradicional da zona fai 37 anos, a construción da presa de Vilasouto planeouse co fin de solucionar as necesidades de abastecemento de auga dos veciños de unha boa parte do val de Lemos. O encoro que recolle as augas do río Mao foi inaugurado en 1969 e supuxo unha importante transformación do medio natural da zona. O encoro anegou terras e vivendas, afectando sobre todo ás parroquias de Vilasouto, Goo e Eirexalba. Os núcleos de Barral, Illeira e Outeiro foron os que perderon un maior número de edificacións. O patrimonio histórico tamén se viu afectado por esta obra, xa que na paraxe coñecida como Agro do Pepe atópanse varias rochas con petroglifos que permanecen somerxidas durante a maior parte do ano.

Ó mesmo tempo que se perdían baixo augas numerosas parcelas de excelente terra de cultivo, creáronse en torno a este lago artificial unhas novas condicións de humidade e temperatura que favorezan a presencia de diversas especies arbóreas e arbustivas.

Coa construción da ruta de sendeirismo preténdese aproveitar mellor para o ocio e o turismo esta paisaxe transformada. O Concello de O Incio e a Deputación teñen previsto prolongar este itinerario ata que sexa posible efectuar un percorrido completo de todo o perímetro do encoro. As obras se acometerán en breve prazo, segundo os responsables municipais.

Cómo chegar: hai que saír de Bóveda cara a Cruz do Incio pola estrada LU-643. Ós 9,5 quilómetros hai que desviarse á esquerda cara ós lugares de Covo e A Ermida (a 2 quilómetros do cruce).

Percorrido a pé: o itinerario ten 3,6 quilómetros. A dificultade é baixa.

Esta ruta, de aproximadamente 5 kilómetros, discorre entre os lugares de A Ferrería e Trascastro. Durante o percorrido disfrutaremos dunhas paisaxes incribles, apreciando o contraste entre as zonas máis baixas e algunhas altitudes importantes, como os 820 metros que acada a Pena de San Mamende. Saímos da Ferrería de Incio, emprazamento rural (antesala do Courel) dunha gran beleza, con casas construídas sobre as rochas, semellando un pobo colgante, e cunha estructura que ven definida polo río Cabe. Aquí encontramos o famoso Balneario, hoxe en obras, e o Pazo da Ferrería, do século XV. A un kilómetro e medio encóntrase a fonte que levaba as auguas sulfurosas do Balneario de Ferrería.

Seguimos camiñando polo sendeiro, atravesando o Regato de Augas Rubias. Cara ó kilómetro 3,3 unha pista de terra permítenos desviarnos á Mesa dos Catro Cabaleiros, conxunto etnográfico moi representativo dos catro concellos que se unen neste punto (O Courel, O Incio, Samos e Pobra de Brollón) Seguimos ruta pola Pena de San Mamede (820 metros), emblemático lugar onde atopamos unhas insculturas nas que, segundo di a lenda, están grabadas as pegadas do asno de San Mamede. Alí temos un miradoiro dende o que contempla-las fermosas vistas, con fragas de especies autóctonas. Atravesarémo-lo regato do Chao das Pías e maila Pena da Perra. Xa chegando ó kilómetro 4,5 haberá que cruza-la estrada que une Ferrería con Hospital, para comezar unha parte da ruta na que veremos antigos muíños nas marxes dos ríos Cabe e Antigua, como o Muíño de Vila ou o de Sancho. Á nosa dereita deixaremo-la Fonte de Arnado. E xa imos polo kilómetro 5 da ruta. Pasaremos por A Aldea e San Miguel, núcleos rurais nos que encontramos exemplos da arquitectura civil da zona (pazos e caseríos).

Tamén veremos mostras de xacementos castrexos xa en Trascastro, como o Castro de Igresario, para finalizar neste punto o noso percorrido. Logo de percorrer uns 5 kilómetros e medio, tivemos a oportunidade de disfrutar dun fermoso percorrido con mostras de patrimonio artístico, etnográfico e natural, como os muíños, o xacimiento ou o río Cabe, onde recordamos que se pode practica-la pesca de ciprínidos e black-bass.

A ruta ten como punto de partida e chegada Vilarreguengo-Eirexalba, cubrindo unha distancia de aproximadamente 11,7 kilómetros. Nesta ruta disfrutaremos de distintas paisaxes, características das diferentes altitudes que se acadan no percorrido, xa que non hai que esquecer que pasaremos dos 450 metros que temos á beira do encoro, ós preto de 600 metros de altitude que alcanzaremos no Pico de Eirexalba.

Partimos de Santo Estevo de Eirexalba, ca súa igrexa do XVIII, dirección Vilarreguenga, bordeando o Encoro de Vilasouto. Estamos nos arredores de Pena Furada e Pena Grande (kilómetro 2,9 da ruta), e todo elo poderémolo observar dende o Miradoiro do Monte Eirexalba (585 metros). Seguimos a camiñar, deixando ó noso paso e nos arredores aldeas que teñen fermosas igrexas, como Novelín, Ferradal, Pombar ou Tallos. Logo de toda esta mostra de arte religiosa, atopamos agora á nosa esquerda unha mostra da arte do periodo castrexo: a Cova do Castro, no lugar de As Cortellas. Seguimos ruta e no kilómetro 5,5 aparece a igrexa de Cortellas. Medio kilómetro máis adiante, a de Covo. Descendemos agora preto de 100 metros de altitude para bordea-los arredores do Regato de Oporto, que atravesaremos cara á fin do percorrido (kilómetro 7,1), pero voltaremos subir a medida que avancemos, ata chegar a Monte Agudo (kilómetro 9), cos seus 537 metros, e donde se encontra o miradoiro do mesmo nome, dende o que poderemos contempla-la beleza da paisaxe do Encoro de Vilasouto e os seus arredores.

Baixamos novamente para chegar xa á presa do encoro, deixando á nosa esquerda a estrada que nos leva a Vilasouto, e bordeando o encoro seguiremos ruta ata chegar ó noso punto de partida, non sen antes admira-la fermosa capela da Virxe da Ermida (kilómetro 11,7).

Trátase dunha ruta duns 12,6 kilómetros, que se desenvolve entre A Ferrería e Biduedo. É unha ruta na que poderemos admira-lo contraste entre a dureza e austeridade dos montes e a dozura dos vales. En poucos kilómetros de percorrido teremos descuberto especies florais de distintas influencias climáticas e multitude de antigas minas de ferro. Unha pista de terra corre paralela ó sendeiro polo que camiñaremos. Comezamos en A Ferrería, kilómetro 0 desta ruta. Cando levemos un kilómetro e medio camiñado atoparemos á nosa esquerda a fonte das augas de Balneario, de 1884. Seguimos a camiñar, deixando ó noso paso fermosas paisaxes e multitude de especies autóctonas. No kilómetro 5, á esquerda, encóntrase a primeira mina: MINA DO BOUZALLO DE SAN MIGUEL, fronte un miradoiro á nosa dereita, o de Pena Escrita, dende o que poderemos contemplar e fotografar as marabillas naturais desta comarca. 300 metros máis adiante, á esquerda, a segunda mina, MINA DO COUSO, a carón da fonte do mesmo nome. Seguimos camiñando, e no kilómetro 6 está a MINA DE FONTE BARROSA (derradeira mina explotada nesta zona). Apenas avanzados 100 metros está a Mina da Tinta. No kilómetro 6,7, a MINA DE AVIÓN, e un pouco máis adiante, no kilómetro 7,2, encóntrase outro fermoso miradoiro, o de Pena do Chao, situado no Monte de Santa Bárbara, dende o que se divisa unha magnífica panorámica. A partir deste punto comeza un tramo da ruta no que non atoparemos outra mina ata o final de percorrido. Será neste punto final, no kilómetro 12,6, onde admiraremos á nosa esquerda a derradeira destas minas de explotación do Ferro, a chamada COVA DAS CHOLAS.